A orquestra e o coro do Conservatorio Superior de Música de Vigo celebrarán un concerto no Convento de Vilavella o vindeiro xoves, 16 de maio, ás 21.00 h, dentro da programación cultural das Letras Galegas 2013, promovida pola Concellaría de Cultura e mais o Servizo de Normalización Lingüística.

Con este evento preténdese facer unha homenaxe ás nosas letras da man dos músicos e cantores que realizan estudos superiores de música nese centro, e que son o futuro máis inmediato da nosa música e un referente para a divulgación da música galega e universal.

No repertorio deste concerto escóllense precisamente dúas composicións de autores galegos de renome, Rogelio Groba e Toni Cantal, interpretadas pola orquestra acompañada de dous pianos. A continuación, o coro participará tamén, xunto coa orquestra, na interpretación de obras de Fauré, Mozart e Shumann.

A orquestra está formada por 60 músicos e o coro por 22 cantores, todos eles dirixidos baixo a batuta de Fránper Rodriguez.

A entrada é libre.