A presunta mafia nixeriana tiña tres pisos na área de Vigo. No de Redondela, en pleno centro da vila, residían dúas vítimas e dous líderes da rede. Outro piso estaba no concello de Vilaboa e o terceiro no barrio vigués do Calvario.  Os colectivos que traballan contra a prostitución detectaron a presenza de mulleres nixerianas nas rúas de Vigo hai dez anos e axiña souberon como, supostamente, amedrentaban as mozas, case todas menores, coa técnica do vodú. Dous homes e unha muller están xa no cárcere. Ademais hai dous imputados en liberdade con cargos.  A Policía tamén identificou as mulleres que estaban nos pisos. Unha delas permanecía alí obrigada. Ademais investigan a morte dunha nixeriana de 23 anos en 2006. A muller exercía a prostitución na Beiramar viguesa e daquela considerouse que fora unha morte accidental. No marco da mesma operación detiveron outra persoa en Barcelona e imputaron outra por inmigración ilegal.