Nas próximas horas vai pasar a disposición xudicial o Canceliñas, que foi detido onte en Redondela. O prófugo deixara barba para pasar máis desapercibido. Camiñaba pola beiravía da Nacional 550 en dirección a Arcade. Ponse fin así a case tres semanas de fuxida. A Policía Nacional detivo despois das dúas da tarde a Saturnino Marcos Cerezo Cancelas, alcumado como o Canceliñas, mentres camiñaba pola parroquia de Cesantes, en Redondela. Un axente viuno e pediu reforzos. No momento en que se produciu a detención, o Canceliñas non opuxo ningún tipo de resistencia. Os axentes levárono á Comisaría de Redondela e logo trasladárono a Vigo. Pasadas as sete e media da tarde un furgón da Garda Civil trasladábao á Comandancia da Benemérita en Pontevedra, escoltado por tres dotacións da Policía Nacional. Permanecerá nestas dependencias ata que pase a disposición xudicial. O Canceliñas cumpría nesta xornada 21 días en busca e captura tras estar implicado no secuestro do médico portugués, António dos Santos. Neste suceso estivo acompañado por Álvaro Barbosa, detido en Vigo cando supostamente ir buscar droga nas inmediacións do porto.