Galicia volve estar en alerta laranxa pola entrada inminente dunha nova borrasca, que vai volver deixar vento tormentoso nas próximas horas. Vai haber tempo revolto tanto no mar coma en terra. A alerta activouse a partir das nove da mañá e é na costa occidental de Galicia onde primeiro van sentir os fortes refachos de vento. Carnota é un dos lugares que antes vai sentir o impacto da borrasca. Baixo a influencia desta nova borrasca, na provincia da Coruña, na Mariña e nas montañas de Lugo e Ourense, o vento pode chegar aos 130 quilómetros por hora. Tamén hai alerta no mar, onde o vento pode chegar a forza dez.

A chuvia, intensa, vai afectar sobre todo as provincias atlánticas. Sen tempo para recuperarse do paso dos anteriores temporais, cidades coma A Coruña xa tomaron medidas para evitar males maiores mantendo pechados parques e xardíns. Segue prohibido tamén o acceso ás praias urbanas. No sur de Galicia tamén se preparan para o que poida vir nas próximas horas. No barrio mariñeiro da Virxe das Mareas, no Grove, tapiaron as portas e as ventás das casas para que o mar non lles entre dentro. Pasou o domingo. As ondas arrasaron as vivendas e as inundacións causaron cuantiosos danos materiais no interior delas. Para mañá está prevista a entrada dun novo temporal que terá coma protagonista o vento, especialmente na costa norte.