Un obradoiro de agricultura ensina a quince persoas a crear dende cero unha horta ecolóxica.  O único requisito para poder participar neste taller de seis meses en Redondela foi estar en paro.  Agora, para moitos destes recentes agricultores o campo pode converterse nunha opción laboral.Os xardíns labirínticos do pazo de Pousadouro de Reboreda acaban de reconverterse nunha horta ecolóxica.  Estaban descoidados por falta de mantemento ata que hai seis meses comezou neles un taller de agricultura ecolóxica onde quince homes e mulleres que ata entón estaban no paro aprenderon o oficio de agricultor dos anos corenta, o de antes de que os produtos químicos entrasen nos hábitos do campo galego.
“Está o tema do autoconsumo pero tamén o asunto da produción, non a grande escala senón mediana para asumir grupos de consumo ou distribución en ámbitos locais. Hai persoas que viñeron por aquí, que producen ecolóxico, e que lle demandan máis produtos dos que temos. Digamos que isto ten tirón” Ademais de obter un certificado de formación, aquí aprenden a fuxir de fertilizantes e insecticidas, como fan xa moitos agricultores profesionais e como demandan os consumidores de produtos naturais e sans. “fun intentando saír da liña do cultivo tradicional ata que chegou isto, e coincidiu coa crise e que fun para o paro, eu traballaba na industria da automoción, e saíume esta opción e non o dubidei”.
“Á parte de que me atraía era unha vía que miraba como para ser autosuficiente eu e poder traballar nisto e non volver traballar para ninguén. Poder vender os meus propios produtos en si creo que é unha vía”. Porque está en auxe o mercado a pequena escala no que se distribúen os produtos de temporada aos veciños, aos da zona, moitos dos novos agricultores que participaron neste taller ven viable crear a súa pequena empresa nun futuro non moi afastado