Longas colas para presenciar as estreas de sala e cheo completo nas rúas para seguir as historias dos personaxes titiriteiros que estes días lle dan vida ao décimo quinto festival internacional de Redondela. Monicreques de luva que difunden as características propias do teatro tradicional chegado do país veciño alá polo século XVIII. O Barbeiro e a Tourada agochan historias que desatan os sorrisos dos máis pequenos.
E microteatro chegado expresamente dende Moscova que se desenvolve no interior desta furgoneta para representar as óperas máis famosas do mundo ante un público reducido. Faise chamar a ambulancia teatral. Amais de música en directo, os asistentes poden gozar desta exposición interactiva dedicada ao mundo do mar. Creada con materiais reciclados, actívase cuns sensores de movemento para lograr unha interacción real entre o público e a máquina.