En Redondela celebraron onte o Corpus coa Festa da Coca. Unha festa de interese turístico galego que inclúe unhas danzas tradicionais de moita sona. A danza das penlas e das espadas é unha das danzas brancas máis famosas de Galicia. Ten polo menos cinco séculos de historia. Con ela celébrase a vitoria dos mariñeiros da vila sobre a Coca, un dragón que segundo a lenda secuestraba as mozas da vila. Ademais do baile, outro dos grandes reclamos é a Coca, que percorreu as rúas de Redondela para a ledicia dos cativos. Os cabezudos, a música e as alfombras florais completan a paisaxe.