O festival de monólogos de Redondela, LARETA, organizado polo Servizo de Normalización Lingüística, achega este sábado o monólogo de Avelino González: XENTE COMA NÓS. A traxectoria deste actor, narrador oral, director e tradutor de teatro vén avalada pola

infinidade de proxectos nos que ten traballado, tanto en compañías de teatro (A Farándula, Tranvía Teatro ou Ollomol Tranvía); coma en cine (A ti como se che di adeus?, Lena ou Heroína); en televisión (Pratos combinados, Mareas vivas ou Padre Casares); ou como director e autor teatral (Bicos con lingua, coa que obtivo o Premio Max 2012 ao mellor autor teatral en galego).

Pero a súa faceta de contador de historias non ten límites, achégase a todos os públicos, circunstancias e contextos, para ofrecer un novo xeito de ver e sentir, coa retranca e o humor como eixo fundamental. Como el mesmo di “para divertir e entreter. Para iso conto monólogos ou monologueo contos. Os contos e o día a día de calquera de nós, mesmo o máis serio, son fonte de inspiración e diversión con só cambiar o punto de vista”.