Este mediodía o lume calcinou o faiado e parte do teito dunha vivenda en Redondela. O mal estado do tiro da cheminea procedente dunha cociña de ferro puido ser a orixe das chamas, que se propagaron a través dun roupeiro ubicado no andar superior. Á chamada dos veciños acudiron os Bombeiros do Porriño e a Policía Local. Os servizos sociais municipais de Redondela xa teñen coñecemento da situación dos residentes, unha muller que tivo que ser trasladada a un centro de saúde cunha crise de ansiedade e mailo irmán, ambos os dous de mediana idade, xa que ata que se arranxen os desperfectos non poderán regresar á súa casa.