Fai 30 anos que se redactou a primeira sentenza xudicial en galego despois dos ‘séculos escuros’. Era unha licenza de obras do Concello de Redondela e foi, precisamente alí onde este serán se lembrou aquel fito, que supuxo a recuperación do uso xudicial do noso idioma. Tres xuíces do que despois foi o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia puxeron fin a cinco séculos escuros en que o galego non existiu na xustiza. En marzo de 1985 redactaron en galego unha sentenza e fixérono por indicación do Concello de Redondela.
Unha placa recorda que pasaron 30 anos dun xesto que abriu camiños para o noso idioma.  O acto conmemorativo, promovido polo concello redondelán e a Irmandade Xurídica Galega, pechouse coa sinatura dun compromiso de utilización do galego por parte dos membros do partido xudicial de Redondela.