Veciños de Redondela esixen que se prohiba o paso dos camións de gran tonelaxe ao lado das súas vivendas. Insisten en que supoñen un gran perigo para a seguridade viaria, xa que pasan por vías moi estreitas, que carecen de beirarrúas. Din que estes vehículos pesados xa provocaron numerosos danos na zona.

Os veciños do barrio da Portela, na parroquia redondelá de Cedeira, levan xa moito tempo denunciando os problemas de seguridade viaria que segundo eles, provocan os vehículos pesados que transitan á beira das súas casas. Decenas de camións circulan cada día por unhas vías moi estreitas, de apenas cinco metros, que ademais carecen de beirarrúas. Os habitantes deste barrio residencial, rodeado de naves industriais, aseguran que os camións xa causaron numerosos estragos. Polo de agora os danos foron só materiais, pero temen pola seguridade dos viandantes. Os portais das vivendas dan directamente á calzada e na zona hai un parque infantil. Cansos de que non se escoiten as súas reivindicacións, os veciños pensaron en convocar mobilizacións. Piden que se busquen outras alternativas, para que os camións deixen de pasar ao lado das súas casas.