Telmo Bernárdez Santomé naceu en Redondela no 1885 Un dos líderes do agrarismo en Redondela, foi redactor de Nueva Gente (1906) e La Opinión (1909). En febreiro de 1923 foi elixido alcalde de Redondela, pero renunciou antes da ditadura de Primo de Rivera.

Durante a República foi delegado gobernativo en Redondela, e nas eleccións de 1933 presentouse a deputado pola provincia de Pontevedra, pero non conseguiu escano. En febreiro de 1936 foi nomeado delegado do goberno na Confederación Hidrográfica do Miño e en abril foi elixido compromisario para a elección do presidente da República. Foi Xefe provincial de Izquierda Republicana.

Trala sublevación do 18 de xullo de 1936 percorreu as rúas de Redondela tranquilizando e convencendo aos veciños de que non opuxeran resistencia. Foi detido o 5 de setembro e encarcerado en Vigo, a Illa de San Simón e Pontevedra. Sometido a xuízo sumarísimo, foi condenado a morte, sendo fusilado o 12 de novembro na estrada de Campañó.