Unha casa de Redondela quedou completamente destruída esta mañá a causa dun incendio. Polo momento descoñécense as causas do lume. A vivenda non tiña conexión á subministración eléctrica e levaba anos deshabitada. Agora a Policía investiga o ocorrido.

Foi un particular o que contra as sete e media da mañá deu aviso aos servizos de urxencia de que estaba ardendo unha casa na parroquia de Quintela, no concello de Redondela. Os primeiros en desprazarse ao lugar foron os bombeiros do Porriño. Para cando conseguiron chegar xa pouco se podía facer.

A vivenda estaba deshabitada desde hai anos e tiña a luz cortada, polo que o seu propietario descarta a posibilidade dun curtocircuíto. Do seu interior non se salvou nada. Todo quedou destruído polas lapas, en moitos casos recordos de toda unha vida.

Os estragos son tantos que posiblemente a estrutura teña que ser derrubada. Agora tócalles aos investigadores botar máis luz sobre as causas do lume.