Os ladróns subtraeron as plantas e árbores plantadas polos alumnos dun obradoiro de xardinería en Redondela.  A policía intenta dar cos autores do roubo, que xa actuaron hai un mes noutra plantación do concello. Tan só unhas horas despois de que os participantes no obradoiro deixaran preparado o xardín diante da escola de música de Chapela, os ladróns deron cabo das plantas.

Levaron unha ducia de exemplares de diferentes especies e un teixo de máis dun metro de altura.  Algunhas plantas xa foron repostas e os alumnos agardan ata o día antes da fin do curso para completar o xardín. Ademais do custe económico do roubo, o feito, di a monitora do obradoiro, desanima aosparticipantes, que ven estragado o traballo de seis meses de formación, teórica e práctica. Non é a primeira vez que sucede un roubo de plantas en Redondela. Hai un mes desapareceron varias árbores frutais do paseo do río Maceiras, no centro da Vila.