Mauro, Daniela, Enrique e Iria xa regresaron da súa última aventura, esta vez dentro da casa e traendo bronce, prata e ouro nas súas mans. O derradeiro Campionato de España, rematou con Mauro establecendo un novo récord en 200 bolboreta e con cinco medallas. Iria engadía 2 máis para rematar cun encontro moi doce para o equipo de Redondela.

O Darlim Chapela, así se chama o club de discapacitados intelectuais que xa leva 7 anos en marcha, reina en Galicia, e sae xa no ámbito internacional. O europeo é terreo pisado. No mundial de México 2014 Loira, outra das nadadoras do club, e Mauro, quedaron oitavos nunha competición na que raíña foi Australia.

Todo isto non sen presións económicas e falta de axudas, que en moitas ocasións estiveron a piques de arruinarlles a festa.

Agora, estabilizados económicamente dentro do posible, cada un ten claro o estilo que máis domina. E por suposto os seus referentes.

Á marxe dos desexos individuais, o equipo agarda chegar aos xogos Paralímpicos. Mentres tanto, toca centrarse nos obxectivos máis próximos nesta tempada.

Quico, así o coñecen no mundo do deporte no que foi futbolista de clubs como o Celta ou o Cádiz, é o pai de Mauro. Agora desde a bancada e sendo adestrador de Mauro, recoñece que é o deportista máis disciplinado que coñeceu nos seus 71 anos, e cóntanos a historia do seu fillo na natación, entre outras cousas.

Un equipo de armas tomar, con nadadores que xa apuntan moi alto.