O derrubamento de parte dun muro en Redondela provocou danos importantes na estrada que comunica cun colexio da parroquia de Chapela. Xa hai dúas fochancas abertas no asfalto e os veciños temen que os buracos vaian a máis ou mesmo que se abran novas fendas.

É perigoso e dificulta o paso. Por iso os veciños da parroquia redondelá de Chapela reclaman desde hai meses a reparación do muro de contención que causa estas fochancas no Camiño do Salgueiro. Recentemente, colocouse un valado de seguridade e sinalización de advertencia para subliñar o risco.

Esta pista asfaltada é a principal vía de tránsito cara ao colexio Alexandre Bóveda. Agás para o autobús escolar, que emprega outra ruta, a maioría dos pais e dos veciños do barrio de Angorén ten que esquivar acotío o tramo afundido.

A primeira fochanca, e a de maior tamaño polo de agora, apareceu despois da chuvia torrencial do mes de febreiro que provocou numerosas incidencias en todo o concello.