Arestora tamén permanece activo outro lume que se declarou en Soutomaior e que se estendeu a núcleos habitados do concello lindeiro de Redondela. Pola proximidade ás casas, a Xunta de Galicia decretou o nivel 2 preventivo e os veciños destes lugares foron evacuados. Aínda non hai datos concretos da superficie queimada, pero con toda seguridade, xa se trata de máis de 20 hectáreas.

Carreiras, nervios e moita tensión. O lume cercou un grupo de casas nun dos barrios da parroquia redondelá de San Martiño de Ventosela, para desesperación dos seus habitantes. Desaloxados das súas casas, agardaban noticias.

O incendio permanece activo e no seu control traballan 1 técnico, 3 axentes, 7 brigadas, 9 motobombas, 1 pa, 7 helicópteros e un avión. Tamén colaboran efectivos da Unidade Militar de Emerxencias. A sufocante calor da tarde non fixo máis que aumentar o perigo.

As lapas comezaron a primeira hora de tarde no concello de Soutomaior, a carón mesmo do histórico castelo. O vento, que segue soprando con forza, moveu o lume con grande velocidade cara ás parroquias lindeiras. Pola proximidade ás casas, a Xunta de Galicia decretou a situación 2 de urxencia como medida preventiva.