Arestora está controlado o incendio declarado a pasada tarde en Soutomaior e Redondela. O lume chegou moi preto das casas e mantivo toda a noite en vela os veciños da zona. Os equipos de emerxencia tiveron que desaloxar a parroquia de Ventosela e tamén os rapaces de Aldeas Infantís. Agora xa están de volta nas vivendas.

Esta mañá, o lume xa non ameaza as casas nin supón un perigo para as persoas e non existe ningún foco activo. Os reténs que quedan na zona encárganse de resgardar as zonas máis sensibles e de vixiar que non se reactive alí o lume. Os veciños tiveron que abandonar as vivendas pola tarde pero puideron  volver ás 2 da noite. Os que ainda non voltaron foron os rapaces de Aldeas Infantís, que durmiron en instalacións da Brilat en Figueirido.

Na parroquia de Ventosela, en Redondela, os veciños tiveron que abandonar as casas ás carreiras. O lume cercou as vivendas e o vento facía a zona extremadamente perigosa. Aínda non chegaran as lapas e o aire era xa irrespirable.

Un avión, 7 helicópteros, brigadas de bombeiros de Vigo, Pontevedra e o Morrazo, a Unidade Militar de emerxencia… Nada parecía suficiente para conter unhas lapas avivadas por un vento incansable.

O lume comezou no concello de Soutomaior, a carón mesmo do castelo e moveuse con gran velocidade cara ás parroquias lindeiras. Quedou controlado ás dúas da mañá. A esa hora os veciños puideron volver xa ás súas casas. Os reténs continúan traballando na zona para que os focos activos non volvan supoñer un perigo para os habitantes da zona.