En Redondela  todos saíron á rúa para celebrar o entroido de verán que este ano cumpre a súa décimo novena edición. Os disfraces, de todas as temáticas, son frescos pero ante todo moi orixinais. A idea naceu dos propios veciños e agora esta cita reúne cada ano máis de 20.000 persoas.
Isto non é Pamplona nin tampouco estamos a sete de xullo. Pero tal día coma hoxe, Redondela réndelles homenaxe aos sanfermíns e a todo aquilo que nos permita a imaxinación.
Porque o entroido de verán de Redondela é unha boa ocasión para rememorar épocas pasadas… Para coñecer a seres chegados doutro mundo coa única intención de divertirse a tope neste entroido.
Aquí tamén atopamos personaxes coñecidas da gran pantalla e personaxes menos cinematográficas pero máis familiares. E se antes falabamos de pasado, hainos previsores e ante un posible adianto electoral xa pensan no futuro e no sorteo da lotaría de nadal.
Así é este entroido de Redondela. Música, diversión e ante todo moita orixinalidade para aproveitar as horas de luz e a boa temperatura que nos brinda a época estival.

 

Fonte :TVG