A unión dos grupos da oposición forzou onte a aprobación da rebaixa do imposto do incremento do valor de natureza urbana (plusvalía) que suporá reducir o tipo impositivo ao 15% e bonificacións no caso de transmisión de herdanzas do 95%. A proposta foi presentada conxuntamente por PSOE, AER, BNG e a Concelleira non adscrita por entender que a actual taxa supón unha presións moi elevada para os veciños. O PP defendeu a súa abstención porque “a bonificación proposta pola oposición é unha barbaridade, que suporá unha redución de ingresos para o concello en torno aos 560.000 euros”.

A rebaixa da plusvalía chegaba ao pleno logo de que tres meses atrás unha proposta presentada polo goberno local e encamiñada tamén a reducir o imposto non lograra saír adiante ao votar en contra os grupos da oposición, quen naquel momento xa adiantaran a súa intención de presentar unha proposta alternativa.

Logo de semanas de reunións, PSOE, AER, BNG e a edil do grupo non adscrito, Raquel Quintáns presentaban esta rebaixa que inclúe reducir o tipo impositivo, que pasa do 30% ao 15%, e recolle ademais unha bonificación do 95% que afectará a todo os caso de transmisión de herdanzas, dación ou melloras con independencia do valor catastral do ben a declarar.

Texto: M. X. Queimaliños