A moción, presentada polo BNG e aprobada pola maioría do pleno, promove que o mercado de gando volva celebrarse en Redondela, unha feira que deixou de ter lugar anos atrás logo de que se decretase que o lugar non cumpría cos requisitos precisos para o seu desenvolvemento. Os nacionalistas entenden que recuperar este mercado podería incrementar a actividade económica relacionada co sector agrogandeiro da comarca e converterse nun recurso máis para facilitar a venda de produtos de primeira calidade. O PP dubida que exista demanda para a realización desta actividade e pon en cuestión que se ubique nas inmediacións dos colexios públicos.

Lembran dende o BNG que a Feira de Redondela serviu durante décadas para fomentar a venda de produtos de carácter local de pequena escala. Pequenos produtores dos arredores achegábanse á Vila, cada quince días constituíndo un importante recurso para moitas familias das parroquias e de concellos veciños.

Hai anos que se rematou coa feira de gando en Redondela. A Xunta de Galicia decidiu clausurala sen que ata o día de hoxe, se tomara ningún tipo de medida para recuperala. Explican os nacionalistas que o seu partido presentou diversas iniciativas aos orzamentos da Xunta para que se dotara dunha partida específica de 300.000 euros para a mellora da infraestrutura da Feira do Gando pero que foron rexeitadas polo PP.

Texto: M. X. Queimaliños