O vindeiro 11 de outubro o pavillón da Marisma acollerá a I Gala do Deporte de Redondela, que repartirá premios en nove categorías diferentes. Mellor deportista masculino e feminino do ano, tanto en sénior como promesa, mellor club e adestrador, mellor deportista discapacitado e tamén dous recoñecementos especiais ao mérito deportivo e á mellor entidade colaboradora.

Deste xeito a concellaría de Deportes de Redondela quere recoñecer o mérito á trintena de clubs que traballan en Redondela con máis de 2.000 licenzas, entre deportistas sénior e das bases. Desde hai varios anos que o Concello traballa na posta en marcha deste evento, que recibiu un pulo coa chegada de Mougán á concellaría. O edil salienta que, coa colaboración dos clubs, este ano verá a luz a primeira edición, na que todas as modalidades e categorías do deporte redondelán “estarán representadas”. O novo pavillón da Marisma foi o lugar elixido para a celebración da gala, xa que para Mougán o fundamental é que o deporte sexa “o gran protagonista”. Por iso entende que o mellor lugar para celebrar esta homenaxe son as novas instalacións deportivas

Texto:Ana Prieto