A  recreación histórica da batalla naval acontecida no ano 1702 nas augas da Ría e a invasión das tropas anglo-holandesas son os actos centrais dunha conmemoración que este ano ten como novidade o desembarco que a partir das 20:00h da tarde se vivirá na Praia de Arealonga. Unhas actividades organizadas pola Asociación Deportiva e Cultural de Rande en colaboración co Concello que celebran o día grande o sábado, xornada na que a contorna do Meirande acollerá representacións teatrais, un mercadiño de artesanía con demostracións de oficios tradicionais e exhibicións de espadachíns.

Os actos desta III edición arrancan hoxe venres cunha escenificación na praia de Arealonga na que se representará o desembarco das tropas invasoras. Un feitos histórico tal e como lembra o presidente da asociación de Rande, Juanjo Comesaña, que permite ampliar as celebracións a un día máis respectando tamén os feitos acontecidos no 1702 “sabemos que hai unha base histórica nese levantamento do campesiñado e os mariñeiros da zona contra as tropas anglo-holandesas”.

Uns actos que comezarán ás 18:00 horas cunha concentración dos grupos de música na Alameda de Chapela para a continuación saír en desfile cara a praia, onde ás 20:00 horas arrancará o desembarco.

Programación que é posible grazas á intensa colaboración veciñal, que nesta edición ascende a 150 persoas entre actores e figurantes, aos que habería que engadir a todos os veciños que dende hai semana están a traballar na elaboración de traxes e atrezzo.

Na xornada do sábado, toda a programación desprázase ao barrio de Rande que regresará ao século XVIII para revivir o combate naval que enfrontaba no ano 1702 as escuadras anglo-holandesa e hispano-francesa.

Autor: M. X. Queimaliños