A novena edición do Festival Ventorock que terá lugar os días 21 e 22 de outubro en Ventosela faralle a súa particular homenaxe ao grupo de Ourense, Los Suaves, no ano en que estes se despiden dos escenarios. Motivo polo que no cartel do Festival, xunto con Retroblues, The Skarnival e a banda que resulte gañadora do Concerto-concurso que se celebra o venres, subiranse ao escenario os leoneses Los Musios (Tributo a Los Suaves). Dúas xornadas de festival nas que ademais de música haberá moitas actividade paralelas como a I exposición de motos clásicas do Ventomotor ou as Ventolimpiadas, con probas para nenos e maiores.

O Festival abrirá a súas portas o venres 21 de outubro co seu IV Concurso de Bandas, onde a partir das 22h actuarán os tres grupos finalistas, Solfabirras (Pontevedra), Fendecha (Mugardos) e Pelusa (Vigo). Estes tres grupos sairon elexidos finalistas de entre 10 candidaturas recibidas, e será o público que se achegue ata Ventosela o venres o que decida, cos seus votos, cal dos tres é o merecedor de actuar ao día seguinte, no día grande do Festival Ventorock.

O sábado 22 haberá numerosas actividades xa dende a mañá. A partir das 12h comezará a sesión vermú onde quen queira poderá ir tocar co seu instrumento. Xa pola tarde, a partir das 17h comezarán o resto das actividades. Terá lugar a I edición do Ventomotor, con exposición de motos clásicas e unha ruta en moto polo Concello de Redondela. Haberá tamén as Ventolimpiadas que consistirán nunha competición para nenos e maiores cunha serie de divertidas probas relacionadas co mundo agrícola e rural. Os máis pequenos tamén poderán entreterse cos xa habituais obradoiros de maquillaxe, elaboración dun mural, etc. E como xa é outono e Ventosela é terra de castiñeiros, faráse un magosto onde se repartirán castañas asadas de balde entre todos os asistentes durante todo o día.

Xa pola noite, a partir das 22:30, comezarán os concertos. Abrirá o grupo redondelán de blues/rock Retroblues; a continuación subirán ao escenario os leoneses de Los Musios (Tributo a Los Suaves); de terceiros, presentando o seu último traballo Movimiento Irracional, actuará a banda de ska de O Morrazo, The Skarnivals; e por último, o grupo gañador do Concurso de Bandas do venres. Unha vez rematados os concertos, a festa continuará a cargo dos pinchadiscos locais DJ Öne & Invitados.

O festival será de balde e contará con zona de acampada e carpa contra a chuvia.

fonte: M. X. Queimaliños