O presidente da comunidade de montes de Ventosela, Félix Cal, era o encargado de trasladar ao pleno unha iniciativa destes colectivos na que se solicita que as políticas forestais incrementen o seu orzamento en prevención, con maiores achegas para a limpeza e coidado do monte “o que serviría para previr lumes como os vividos este verán en Redondela e que foron unha réplica do acontecido dez anos atrás nos mesmos montes”. Denuncian que non se está a cumprir a normativa de seguridade que obriga aos propietarios a manter limpo o perímetro das vivendas e que dende a Xunta hai unha deixazón de funcións á hora de aplicar a Lei de Montes.

A proposta contou co apoio de todos os grupos presentes na corporación, aínda que con matices. Mentres a aposición puña o acento no que entenden é unha política nefasta por parte da Xunta ao investir maioritariamente en extinción, a voceira do PP defendía a actuación do goberno galego.

Argumentaba a popular Carmen Amoedo que “por moito que se limpen os montes cando se prende o lume en varios puntos a situación é case imposible de controlar” lembrando que os responsables dos incendios forestais son “os incendiarios”. Defendía tamén as medidas adoptadas dende a administración local “o goberno do PP foi o primeiro en sacar un bando que sanciona a aqueles que non limpan as fincas e ten en marcha un plan para contactar cos propietarios dos montes”

 

Fonte :M. X. Queimaliños