As obras de ampliación da AP-9 ao seu paso por Chapela están causando moito malestar entre os veciños e sobre todo entre os pais dos alumnos do colexio e do instituto desta parroquia de Redondela. O ruído das obras impidelles durmir pero tamén provocan vibracións e fendas no colexio, que agarda a ser expropiado. É a súa resposta aos continuos ruídos que sofren a diario estes veciños por mor das obras de ampliaón da AP-9 en Chapela.

Poucas horas de sono e moitas pastillas para poder descansar polas noites ante a negativa de colocar aquí pantallas acústicas para o ruído. E sobre todo moito enfado entre os afectados por non cumprirse ata o de agora o plan de reposición de servizos polos continuos ruídos ocasionados ao longo da semana.

Sobre todo preocupa o que vai pasar cos alumnos do colexio Igrexa, que será expropiado. As fendas e as vibracións case diarias repercuten no día a día dos nenos e xeran moito medo entre os pais. Tamén no instituto se sobrepasan os decibelios permitidos despois da última medición. Con todo, eles seguirán aquí unha vez que rematen as obras. Convivirán a carón dunha autoestrada que se converterá no día a día destes veciños de Chapela.