Despois de catro anos de acordos e desacordos, quedou constituída a área metropolitana de Vigo nunha sesión moi tensa, con constantes enfrontamentos entre o PP e o PSOE. Os representantes populares din que nace morta porque Vigo non se integrou no sistema de transporte metropolitano. Abel Caballero, elixido presidente, acusa o PP de boicotealo.

A de Vigo é a primeira área metropolitana de Galicia. Integra unha quincena de concellos, con medio millón de cidadáns entre os que a partir de agora se crea unha vinculación económica e social que lles permitirá compartir determinados servizos e obras. Un deses servizos é o do transporte que pode ser máis barato para todos os veciños da área metropolitana. Pero Vigo, de momento, non se integrou. A Xunta e os concellos queren que todos os veciños poidan utilizar os buses de Vitrasa ao mesmo prezo, e o concello vigués, que só o poidan facer para transbordos interurbanos. Así, un veciño de Cangas non podería ir en coche a Vigo para coller alí o bus.

Así, con este asunto sen resolver celebrouse este xoves a sesión constitutiva da área metropolitana de Vigo. O primeiro enfrontamento produciuse á hora de constituír a mesa de idade, que asumiu o alcalde de Salvaterra, do PP. E despois, cando todos os membros da asemblea tomaron posesión e xuraron os seus cargos, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, pediu que se suspendera a sesión.

“Se o señor Caballero e os seus compañeiros pensan que vamos comezar a traballar asi está moi equivocado”, di Arévalo.

Os socialistas queren que este asunto se resolva pola vía contencioso-administrativa. O intercambio de acusacións e reproches entre populares e socialistas, que finalizou cando os representantes do PP abandonaron a sala. Abel Caballero saíu elixido presidente co voto de 28 dos 29 asemblearios que seguiron na sala, agás o representante da agrupación de electores de Redondela.

“Estamos en marcha, o intento do señor Feijóo e o señor Rueda de reventar a área metropolitana de Vigo fracasou”, di Caballero.

O alcalde de Cangas, en representación das Mareas, que tamén reclama a incorporación de Vigo no transporte metropolitano, queixouse de que ao final se empanara un día moi importante para os veciños.
Fonte : TVG