O edil nacionalista, malia manifestar as súas críticas a un convenio que “non é beneficioso para Redondela” deulle o seu apoio “por responsabilidade ante a necesidade de abrir o servizo canto antes”. PSOE e AER votaron en contra por estar en desacordo coa achega de 2.500 euros que o concello deberá facer por cada usuario empadroado en Redondela “cando é a Xunta quen debe sufragar este servizo”. Os socialistas acusan ao PP de mentir “nos prazos, no servizo e na creación de postos de traballo”.

 

O Centro de Día de Cesantes abrirá as súas portas catro anos despois da súa construción logo de que o pleno aprobase onte o convenio co Consorcio Galego de Benestar para xestionar este servizo asistencial. O voto a favor do edil do BNG permitiu ao PP sacar adiante a proposta malia os votos en contra de PSOE, AER e a edil non adscrita Raquel Quintáns.
O nacionalista Xoán Carlos González xustificou o seu voto a favor “porque entendemos prioritario que o Centro de día se poña en funcionamento” malia criticar un convenio que ao seu entender “presenta moitas eivas, tanto polos cartos que terá que achegar o Concello como, sobre todo, porque non dá o servizo que se prevía ao eliminar as prazas residenciais”. O edil acusaba ao alcalde de actitude “sumisa e colaboracionista” coa Xunta por non ter xestionado melloras no convenio.

 

Fonte: M. X. Queimaliños