Este sábado, a Rede de Músicas Soltas de Redondela acollerá a presentación do disco “Droguería Moderna” do grupo Primordiais, ás 21h no Auditorio da Xunqueira.

Primordiais, dúo de arpa, voz e percusión formado por Luis Martíns e Marcelo DoBode, dous primos que, desde Soutomaior nos traen as súas “musicas de OrTa”, musicas en crecemento, simbiose perfecta entre tradición e Modernismo. Eles veñen presentar o seu disco “Drogueria Moderna” e, ademais do concerto no Auditorio, farán tamén presentacións aos escolares da vila para que os máis novos coñezan de perto estas músicas tan próximas e, se cadra, tan descoñecidas para eles no IES Mendinho e no CEIP de Laredo, mañá venres.

Este será un concerto íntimo cheo de dozura, melodías recollidas da tradición oral con arranxos simples e efectivos, dunha grande forza estética que transportan á sociedade rurubana moderna toda a lírica dos cantos antigos e incorporacións de ritmos con que as nosas avoas facían os seráns nas zonas de arredor de Pontevedra de onde estes dous novos músicos beben nas súas fontes.
As entradas para o concerto poden reservarse xa no Auditorio.

O prezo é de 7 euros (5 euros entrada reducida).