A Policía Nacional investiga o falecemento de dúas persoas nunha explosión dunha vivenda en Chapela, Redondela. Non se desbota ningunha hipótese, entre elas, a dun novo caso de violencia machista. A explosión produciuse ás oito e media da tarde, e como consecuencia do estoupido, e o posterior incendio, a fachada veu abaixo. O xuíz ordenou o levantamento dos cadáveres pasadas as doce da noite.

Dúas persoas faleceron nunha explosión de butano producida nunha vivenda en Chapela, Redondela. Trátase de María José Mateo García e da súa ex-parella Emilio Fernández Castro e segundo as primeiras investigacións todo parece indicar que foi provocado polo ex-compañeiro. Os feitos aconteceron pasadas as oito e media da tarde.

Todos os indicios apuntan un novo caso de violencia machista, xa que no lugar da explosión apareceron dúas bombonas manipuladas e restos de gasolina, o que provocou unha forte explosión que deixou graves danos na vivenda.

O home deixara o fillo pequeno, de oito anos, na casa dos avós paternos. Os corpos das dúas vítimas apareceron calcinados e os bombeiros tiveron que apuntalar a casa familiar.

O xuíz ordenou o levantamento dos cadáveres pasadas as doce da noite. Un guindastre levou o coche do presunto autor dos feitos para analizar. A Policía Nacional investiga os feitos.

Non había denuncias previas contra o home que faleceu nesta explosión pero, ao parecer, si houbera ameazas. A actual parella da muller falecida declarou que o home a ameazara uns días antes con voarlle a casa, na que actualmente convivía coa súa nova parella. Segundo contaron algunhas testemuñas, a muller recibiu unha chamada de teléfono vinte minutos antes da explosión que se sospeita que era da súa ex-parella. Outras declararon que viron o home subindo bombonas de butano á casa dela.

No concello está previsto celebrar este martes, contra as 12.00h, unha manifestación en sinal de repulsa do crime.

Fonte : TVG