Aínda que o tempo ameazou en todo momento aguar o domingo de Entroido non foi así, sobre algo máis de 20 minutos de retraso comezaban a desfilar as 22 comparsas anotadas coa intención de levarse algún dos premios que o concello de Redondela tiña preparado. Miles de persoas abarrotaban as principais rúas da Vila para contemplar o paso das comparsas.

Hóuboas de tódolos xeitos, as que participaban por primeira vez, das que o que máis lle importaba era a troula e as que viñan a levarse algún dos tres premios a repartir.

Ben entrada a noitiña o xurado daba o veredicto das tres mellores comparsas. Dúas foráneas e unha da Vila levaban este ano 2017 os tres premios . Terra de Condes de Redondela o terceiro premio valorado en 300 €,  o segundo foi para a comparsa Revolution Show dotado con 600 € e os gañadores foron Asociación Cor Café cun premio de 1.000€.