Os 20 alumnos que participaron do obradoiro levaron a cabo a colocación de bordos de pedra e mobiliario urbano decorativo no entorno da Alameda, así como o mantemento de xardíns e espazos verdes e o cultivo ecolóxico no Pazo de Pousadouro. Traballaron así na creación e colocación de mobiliario urbano dun novo xardín no entorno da praza da feira, escenario do acto de clausura do obradoiro.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, clausurou no entorno da praza da feira de Redondela o obradoiro de emprego Ecosostible II, no que se ofreceu formación e traballo a 20 persoas desempregadas do municipio durante os últimos 6 meses.

Este programa mixto de formación e emprego centrouse na realización de obras e prestación de servizos de interese xeral e social. No caso concreto de Redondela, o obradoiro formou a 20 alumnos e alumnas nas especialidades de cantería (10 persoas) e xardinería e agricultura ecolóxica (10) durante os últimos 6 meses onde ademais de recibir formación tamén percibiron o salario mínimo interprofesional. O fin do obradoiro foi a formación nestas especialidades e, concretamente, os alumnos e alumnas levaron a cabo a colocación de bordos de pedra e mobiliario urbano decorativo no entorno da Alameda, así como o mantemento de xardíns e espazos verdes e o cultivo ecolóxico no Pazo de Pousadouro. Traballaron así na creación e colocación de mobiliario urbano dun novo xardín no entorno da praza da feira que foi o escenario do acto de clausura do obradoiro.

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, xunto ao alcalde, Javier Bas, participaron na clausura. Tamén asistiron o xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial, e a tenente de alcalde do municipio, Carmen Amoedo.

López-Chaves gabou o traballo feito no entorno da Alameda e felicitou aos alumnos e alumnas así coma ao persoal a cargo do curso, que estivo formado por un director, un titor, dous docentes e unha persoa administrativa de apoio. O delegado lembrou que estas iniciativas mixtas de formación e emprego trátanse dunha iniciativa que forma parte da Axenda 20 para o Emprego, coa que o Goberno galego está incrementando as oportunidades laborais dos galegos, e que ten por obxecto mellorar a empregabilidade dos desempregados mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de interese xeral ou social que lles posibilite a realización dun traballo.

Fonte : M. X. Queimaliños