A praza do Concello acolleu na mañá de hoxe un acto homenaxe co gallo do 180 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. A nosa escritora máis universal foi celebrada coas voces dos máis pequenos, nenos e nenas do IES Illa de San Simón encargados de poñerlle voz aos seus poemas. O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, salientou a necesidade de celebrar a Rosalía “un emblema, unha bandeira que significa a nosa esperanza, a nosa ilusión dun horizonte dunha Galicia digna, dunha Galicia próspera, dunha Galicia libre”.

A poalla acompañou o acto celebrado  ás portas do concello e que serviu para lembrar a figura de Rosalía en toda a súa amplitude e dimensións (humana, literaria, intelectual, lingüística, comprometida…).

Un acto que contou coa participación da Concelleira de Cultura, Teresa París e o alcalde Javier Bas, quen estiveron acompañados do presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira que lembrou que “hai 180 anos naceu unha ilusión, un sono, unha esperanza que seguen vivos hoxe en Galicia e se estenderon por todos os territorios”.

As mozos e mozas do instituto Illa San Simón foron os encargados de poñer a voz e interpretar os textos da escritora nun acto que clausurou a música dos gaiteiros interpretando o Himno de Galicia.