Un pai acusado de abusar sexualmente das súas dúas fillas menores líbrase de ir ao cárcere despois de chegar a un acordo coa Fiscalía. A petición inicial de doce anos de prisión quedou en dous e, como o home non ten antecedentes e se lle aplica a atenuante de confesión, non ingresará na cadea. A súa ex-muller, considerada consentidora dos feitos, non compareceu no xuízo previsto para hoxe e está en busca e captura.

O acusado terá que indemnizar con 3.000 euros ás súas dúas fillas, actualmente tuteladas pola Xunta de Galicia e coas que non se poderá comunicar en doce anos. Tamén pesa sobre el unha orde de afastamento de 500 metros pero non irá ao cárcere. A pesar de que cando comezaron os abusos as cativas tiñan 3 e 5 anos, a súa confesión e a súa colaboración coa xustiza conseguiron que a fiscalía rebaixase de doce a dous anos a petición de prisión.

O fallo dictado pola sección quinta da Audiencia en Vigo conmútalle o ingreso na cadea a cambio de que non volva delinquir e de que aboe as indemnizacións ás nenas. Á sesión en que se chegou a este acordo tamén estaba citada a nai das menores pero non compareceu. A fiscalía considera que a muller consentíu e mesmo presenciou os feitos, polo que foi declarada en busca e captura.