Os mariñeiros da confraría de San Xoán de Redondela queren crear un viveiro tradicional de choco nas inmediacións da illa de San Simón. O obxectivo é mellorar a reprodución desta especie e aumentar as capturas. Trátase dun método natural que consiste en depositar rama de piñeiro no fondo da ría. A confraría espera que a Consellería lle conceda o permiso.

Os mariñeiros da confraría de San Xoán de Redondela queren crear un viveiro tradicional de choco nas inmediacións da illa de San Simón. Trátase dunha técnica antiga que consiste en depositar rama de piñeiro no fondo do mar.

O obxectivo é favorecer a desova do choco para incrementar a produción. Hai un mes que comezou a campaña do choco e polo momento o balance é positivo cun bo número de capturas e boa calidade.

A proposta xa foi realizada á Consellería do Mar e polo momento non obtiveron resposta. Na confraría esperan que lle concedan o permiso para poñer en marcha a iniciativa canto antes. Este cefalópodo conta co distintivo de calidade Choco de Redondela e xa é un manxar nos principais mercados nacionais. A campaña prolongarase ata o mes de xuño.