A CIG denuncia que se trata dun despido improcedente polo que esixen a reincorporación de Catherine da Silva a quen, segundo explica o sindicato “a empresa aplicoulle durante anos un contrato ilegal en fraude de lei ao encadear contratos temporais na vez de facerlle un contrato fixo”. A protesta, que dende hai semanas están a realizar no propio centro de traballo, chegaba hoxe ás portas do concello onde os manifestantes facían soar pitos e bucinas en apoio á traballadora despedida.

A propia traballadora afectada, Catherine da Silva, explicaba que leva desenvolvendo diferentes traballos en Plastic Omnium dende abril do 2011 e reclama á dirección que asuma o seu erro e retome o diálogo.

Denuncia que a única oferta recibida pasa por buscarlle outro posto de traballo noutra empresa pero “sen garantía algunha de estabilidade”. Ante esta situación decidiu denunciar e levar o seu caso ante os xulgados, que deberán resolver no xuízo que está previsto para o vindeiro 4 de abril.