Hoxe continuarán en varios concellos galegos as protestas dos afectados polas preferentes. Na Coruña convocouse unha concentración para as once e media e ao longo do día, en Baiona, Redondela, Gondomar, Tui e Nigrán os preferentistas teñen previsto asistir os plenos municipais. Onte neses dous últimos concellos, Tui e Nigrán, vivíronse as protestas máis importantes.

O alcalde de Tui ordenou o desaloxo de dous afectados que levaban dous meses pechados no concello. Mentres, no exterior, o edificio permaneceu toda a mañá bloqueado pola policía para evitar que entrasen máis preferentistas. O desaloxo produciuse sen incidentes. En protesta, os compañeiros da plataforma do Baixo Miño concentráronse na porta do concello pola tarde.

En Nigrán, un grupo de máis de 150 afectados obrigou a suspender por segunda vez o pleno municipal, uns dentro da sala de plenos e outros dende o exterior do concello. Axentes da Policía e Garda Civil identificaron os asistentes, que reiteraban o seu rexeitamento á quitación. O alcalde de Nigrán expresou o seu apoio aos afectados, pero considerou inadecuada a paralización do funcionamento do concello.