Arranca a VI edición da ruta do pincho e faino coa participación dun total de 30 establecementos de hostalaría que se suman a esta iniciativa da Asociación de Empresarios. Dende o 20 ao 30 de abril, todos os que o desexen poderán degustar estes apetitosos pratos a un prezo de 2,75 euros bebida incluída.

Dende o casco urbano de Redondela pasando polo centro de Chapela, as praias de Cesantes e Arealonga ou establecementos situados noutros puntos do concello, durante dez días os clientes dun total de 30 establecementos poderán degustar sorprendentes pinchos nos que mar e terra se dan a man e nos que non falta a imaxinación dos cociñeiros á hora de elaborar auténticas xoias gastronómicas en miniatura.

Nomes tan suxestivos como Pomba de mar e terra, cúpula de choco, marmitako de rape con chia, roliño de cores…  forman parte desta oferta gastronómica que ano tras ano vai gañando adeptos, como o demostra o feito de que na edición anterior a aplicación que permitía ver no móbil cada un dos pinchos e localizalo nun mapa recibira preto de 45.000 visitas.

Un éxito que os promotores da iniciativa contan con repetir nesta edición á que se suman novos participantes, como o Gastrobar 78, restaurante que abriu hai apenas 8 meses e que nos propón unha brocheta galega con polbo e panceta de porca, crema de pataca e aceite de pementón.

Locais que apostan incluso pola reciclaxe coa reutilización dos botes de marmelada na Tenda da Candelaria co seu petisco “Meixeliña” ou que nos deixan pinchos que pensan tamén nos celíacos e os vexetarianos. É ocaso do Boliño vexatal en terra da horta, que oferta o café bar os Amigos.

Imaxinación, traballo e proposta sorprendentes tamén con protagonismo para o produto propio como o Rosquiño de Choco en tempura con patacas en dúas texturas que atoparemos na tapería O timón.

O presidente da Asociación de Empresarios salientaba ante todo o “traballo, traballo, e traballo” que hai detrás de toda esta oferta que se poderá degustar estes días en Redondela e que serve para poñer en valor a gastronomía e os negocios de hostalaría locais. Enrique Lago facía ademais un chamamento a todas as institución presentes no acto a seguir colaborando cun sector “con proxección de futuro”.

Ao acto de presentación asistiron o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, en nome da deputación a redondelá Digna Rivas e a tenente de alcalde, Carmen Amoedo.

Fonte : Radio Redondela