Outro incendio nun edificio de seis andares situado no centro de Redondela obrigou a desaloxar todos os veciños sen que se producisen feridos. O lume calcinou un cuarto dunha das vivendas pero a fumareda causou danos importantes en varios pisos. A alerta saltou pouco despois da unha da tarde no quinto piso. Un dos veciños avisou o propietario, quen, por sorte, non estaba na casa nese intre.

O home traballa na hostalería e pasa pouco tempo na vivenda, que quedou arrasada polas chamas. Dada a intensidade da fumarada que causou unha grande alarma no centro de Redondela, axentes da Policía Local e mais da Nacional axiña comezaron o desaloxo de todo o inmoble, sen que se rexistrasen danos persoais. Os pisos lindeiros tamén están afectados e cómpren reparacións.