A proposta, que partiu do BNG, foi aprobada no pleno malia non contar co apoio dos populares quen argumentan que “un proxecto de tanta envergadura debe estudarse con prudencia”. A oposición pola contra entende que a repercusión que a día de hoxe ten o festival de Títeres, a piques de celebrar a súa decimo oitava edición, require de proxectos ambiciosos que convertan os monicreques “no selo de identidade de Redondela durante todo o ano”. Aproveitaron tamén para recriminar ao goberno o proceder co colectivo Xente Titiriteira “que foron desaloxados do local que empregaban no Multiúsos”. O PP alega que o estado no que se atopaba obrigou a adoptar esa medida.

O Obradoiro do títere faría a función de museo dos monicreques, de sala expositiva da historia do festival internacional dos títeres de Redondela e, ao tempo, serviría como banco de formación para o conxunto da veciñanza, ademais de plataforma para apoiar a posíbeis novas compañías. Estas serían ao entender dos nacionalistas as función principais dun obradoiro que nacería para apoiar un Festival que se converteu nun selo de identidade do noso concello. O obxectivo agora é que Redondela sexa a capital do títeres non só durante unha semana, senón durante todo o ano.

Dende o BNG, tal e como explicaba o seu voceiro, Xoán Carlos González, apostan por crear o denominado Obradoiro do Títere, que serviría tamén como apoio aos organizadores e organizadoras do Festival de Títeres, que vén como ano tras ano, principalmente grazas ao esforzo colectivo, este evento mellora en calidade, aumenta en número de visitantes, consolidándose na nosa Programación Cultural.

A proposta recibía o apoio do PSOE, cuxo voceiro e exconcelleiro de cultura Eduardo Reguera salientaba que “o concello debe apoiar o que é o evento cultural máis importante de Redondela”.

Os populares, malia cualificar a proposta como moi interesante optaron pola abstención argumentando que “por prudencia antes de aprobar algo desta envergadura débese debater e estudar don calma para valorar o seu custe e viabilidade” segundo explicou Teres París

A Agrupación de electores amosou tamén o seu acordo con crear un obradoiro do títeres e criticou o trato que dende o goberno local se está a dar ao colectivo Xente Titiriteira, organizadores do festival, que segundo explicaba Ricardo Figueroa foron desaloxados do seu local de traballo.

Ante as críticas aseguraba a concelleira Teresa París, que o desaloxo debeuse ao estado no que se atopaba a sala, completamente chea de humidades. Engadía que logo da súa reparación de dende xaneiro xa está a disposición dos organizadores do Festival e reiteraba a “colaboración absoluta con Xente Titiriteira”.