O Concello confía en repetir o éxito de edicións anteriores e que sexan máis de 30.000 persoas as que se acheguen a esta cita gastronómica que celebra este ano a súa XXXI edición. A principal novidade deste ano é a apertura das casetas de degustación tamén na xornada do venres a partir das 20:00 horas e a substitución das orquestras por grupos de Redondela, tanto de música como de baile, que serán os encargados de amenizar unha celebración que se desenvolverá nunha carpa de 1730 metros cadrados.

O alcalde Javier Bas acompañado da concelleira de evento Angela Antón presentaron onte esta cita na que os comensais poderán degustar o choco nas súas diferentes especialidades, guisado, con arroz, en empanadas e tamén as propostas máis innovadoras como as faixiñas de chocos ou a fideuá de chocos con ameixas e os chocos con fabas.

Unha presentación que contou tamén con outros participantes na organización como o representante da confraría Clemente Bastos, quen apuntaba que se poñerán a venda máis de cinco toneladas de choco e salientaba a boa campaña deste ano “na que se levan capturado máis de 23 toneladas, superando así o capturado en toda a campaña do ano pasado”.

Dende a Confraría solicitarán ademais que se amplíe a campaña 15 día “porque arrancou moi frouxa, con poucas capturas no inicio”.

Dende a Asociación de Empresarios salientaron a colaboración dos hostaleiros de Redondela nunha celebración con trinta edicións ás súas costas e que contará neste ano coa participación dos estáns da Taberna Zentola, a tapería O tranquilo, a cafetería Venus e o Bar Rivas, aínda que practicamente todos os hostaleiros do concello súmanse a celebración con pratos especiais a base de choco nos seus menús. De feito, explicaba o presidente da asociación Enrique Lago, que hai establecementos que teñen reservan para estas datas dende hai semanas.

A festa arrancará ás 20:00 horas do venres coa apertura das casetas de degustación. Una novidade que responde á petición dos propios hostaleiros quen confían en que este cambio incremente as vendas. Sábado e domingo a carpa abrirá xa ás 10:30, con actuacións de grupos locais, como Airiños da Peneda e Airiños de San Simón. O pregón, o domingo ás 12:30, correrá a cargo de Eva Iglesias colaboradora do programa Land Rober da TVG. Nesa xornada pola tarde haberá un karaoke infantil e un concerto da Big Band ás sete da tarde.

Tamén este ano inclúense no programa as rutas á Illa de San Simón e o paseo en barco pola enseada, a un prezo de 3 euros por persoa. As saídas terán lugar ás doce do mediodía dende o pantalán do museo Meirande e dende o porto de Cesantes ás 16:30. A reserva de billetes pódese facer na oficina de turismo de Redondela ou no teléfono 620864052.

 

Fonte ; Radio Redondela