Xa é oficial. Xa coñecemos a lista dos radares fixos que máis multas puxeron o ano pasado en Galicia. E o diñeiro que recadaron cada un deles. Esta é a clasificación dos radares máis temidos polos automobilistas. O radar que máis cartos recadou o ano pasado en Galicia é este do Marquiño, no Concello do Pino, onde hai un límite de velocidade de 50 quilómetros por hora. Aquí, Tráfico recadou máis de 1.200.000 euros.

O segundo na clasificación está en Fene, preto da entrada de Ferrol pola ponte das Pías. Os condutores pagaron aquí máis de 800.000 euros en sancións o ano pasado. O terceiro na lista está en Ourense, en Vilamartín de Valdeorras, na nacional 120. Aquí recadáronse algo máis de 700.000 euros en multas.

Completan a lista o radar da nacional 550 que está preto de Redondela, con 690.000 euros en sancións; o de Tameiga, na autovía A-55, con 640.000 euros, e o de Amenal, tamén no concello do Pino, pero na nacional 547, con outros 600.000 euros.
A clasificación péchaa o radar de Baralla, en Lugo, na autovía do Noroeste, con algo máis de medio millón de euros en multas. En total o Estado recadou só nestes sete radares fixos en Galicia máis de cinco millóns en sancións.

Fonte TVG