A proposta, recollida nunha moción presentada polo PSOE, pasa por substituír o modelo de estacionamento en batería polo aparcamento en liña e que se mellore a accesibilidade no tramo de beirarrúa existente. Os grupos da oposición apoiaron a proposta que saíu adiante malia a abstención do PP quen argumentou que deben ser os técnicos os que valoren se as medidas demandadas son axeitadas.

A retirada dos postes da rede de telefonía ubicados nesta Estrada supuxeron unha mellora na circulación nun vial que da acceso a Cesantes e que é moi empregado polos país e nais que levan aos seus fillos aos colexios de Santa Mariña. Serve tamén de acceso para todos aqueles que queren acceder ao aparcamento situado detrás do Instituto Pedro Floriani.

Precisamente o elevado tráfico que circula por esta vía, principalmente as nove da mañá e dúas do mediodía coincidindo coa entrada e saída do alumnado, levou aos PSOE a reclamar, novamente, que se acometan unha serie de medidas que melloren a circulación pola estrada. Pequenas modificacións que entenden suporán unha mellora na seguridade viaria.

Todos os grupos da oposición apoiaron a proposta aínda que dende o BNG a cualificaron “pouco ambiciosa”. O edil nacionalistas Xoán Carlos González aproveitou para criticar que seis anos despois da chegada do PP ao goberno “sigamos esperando polo tan anunciado Plan de tráfico”. Criticaba tamén o edil que nos últimos tempos a situación teña empeorado “porque o PP non ten intención de recuperar espazos para os peóns, a súa única política no que respecta a estradas e camiños pasa por botar piche.