O cemiterio cun gran valor histórico e artístico ademais de ser o lugar onde repousan os restos de salientables persoeiros e albergar unha foxa común, atópase nun evidente estado de deterioro polo que dende hai anos ven demandándose por parte de diferentes colectivos a súa recuperación e posta en valor. Unha demanda que foi recollida polos socialistas quen presentaron ao pleno unha moción na que se recolle un plan de medidas para recuperar o camposanto.

A proposta foi aprobada por unanimidade. O cemiterio municipal dos Eidos data de 1833, ten 183 anos de historia, datando a tumba máis antiga de 1860. É un cemiterio de gran valor artístico debido as tallas e mausoleos de arquitectura sobresaínte, así como a autoría de moitas pezas, realizadas por canteiros de Redondela de gran prestixio.

Na actualidade, o cemiterio atópase nun estado de notable deterioro. O socialista Isaac Araujo defendía a moción lembrando o valor artístico e histórico do cemiterio e enumerando algunhas das medidas que sería necesario acometer nese espazo. Dende o BNG facían fincapé no lugar no que se atopa o cemiterio, na zona dos Eidos, unha das que máis ten crecido en Redondela e na que deberían acometerse diferentes medidas que promoveran os espazos abertos e de uso da cidadanía “nese camiño debería traballarse co cemiterio, para convertelo nun espazo aberto e de esparcemento para os propios veciños” explicaba Xoán Carlos González.
Bernardo Crespo de AER falaba tamén de experiencias encamiñadas a abrir os cemiterios a xente. Os populares apoiaron tamén a proposta, con todo a concelleira do PP Carmen Amoedo replicou que xa hai unha partida no mesmo sentido incluída no proxecto 2020- Aproveitou a súa quenda de palabra para reprocharlles a socialistas e nacionalistas que “se preocupen tanto do patrimonio agora e que non o fixeran cando estiveron no goberno, cando permitiron que se desmontase o Castelo de Rande ou se desatenderon doutros elementos como as fontes ou os cruceiros do concello”.Unhas críticas que tiveron resposta. Así dende o PSOE lembraron que a día de hoxe falta información sobre ese suposto proxecto de recuperación “que non foi entregado a ningún partido da oposición” e acusou ao PP de acometer  “nefastas actuacións no referente a conservación do patrimonio durante os anos que levan no goberno”. Pola súa banda o concelleiro do BNG, Xoán Carlos González recuperou algunhas das actuación feitas polo seu partido no anos do bipartido como a recuperación de fontes e lavadoiros.
A moción aprobada por unanimidade recolle entre outras medidas un maior coidado en materia preventiva por parte do servizo de xardíns e limpeza do Concello; un rexistro das medidas das pedras dos muros do cemiterio; tapar as tumbas valeiras cun material respectuoso coa contorna; renovación do firme; mellorar a accesibilidade da entrada principal debido a que hai barreiras arquitectónicas que impiden o acceso a persoas de maior idade ou con diversidade funcional; instalación de elementos que informen da historia do cemiterio; restauración das tallas en mal estado e reposición das que falten e unha mellor iluminación.