Retíranlle o carné durante dous anos ao camioneiro interceptado na autovía das Rías Baixas cando multiplicaba por 10 a taxa de alcol. Esta mañá celebrouse en Ponteareas un xuízo rápido, en que aceptou a culpa, e en que o condenaron ademais a 60 días de traballo para a comunidade.
O seu avogado explicou que o home naquel momento estaba tomando un tramento combinado dun ansiolítico e un medicamento para a epilepsia, e que mesturado co alcol que consumira fixera que se multiplicaran os seus niveis cando axentes da Garda Civil lle realizaron a proba de alcolemia.
Con todo, dentro do ocorrido, dixo que o transportista estaba contento de que non pasara nada máis grave. Despois da súa declaración ante o xuíz, o transportista saía do xulgado coñecendo xa a sentenza: dous anos de retirada de carné e sesenta días de traballo para a comunidade. A fiscala e o seu avogado chegaron a un acordo polo que se rebaixou a pena que inicialmente se solicitaba.

O letrado explicou que o camioneiro quixo xustificar no xulgado as circunstancias en que deu un nivel de alcolemia que chegaba a multiplicar por dez o límite establecido para condutores profesionais. Recoñeceu que bebera, pero que o alcol lle fixera máis efecto pola combinación con varios medicamentos. Na súa declaración asegurou que xa apartara o camión da calzada porque se encontraba mal antes de que chegasen os axentes de Tráfico.

O camioneiro, veciño de Redondela, de 44 anos foi interceptado pola Garda Civil o martes pasado na autovía das Rías Baixas, a A-52. Nas dúas probas de alcolemia que lle realizaron deu un positvo de 1,69 e 1,63. O seu camión, co que se dirixía a Francia, quedou inmobilizado.