E os amigos de María José Mateo, a muller de Redondela que morreu en febreiro nunha explosión provocada pola súa ex-parella, continúan coa campaña para recadar fondos para a súa familia. Os fillos non recibiron aínda axudas, e non poden vivir na súa casa, que quedou estragada pola explosión.
Catro meses despois do asasinato de María José, a súa casa segue en obras, inhabitable. Os amigos da muller iniciaron en marzo unha campaña co fin de recadar fondos para arranxar a vivenda, que quedou desfeita pola explosión provocada pola súa ex-parella.  “Hai fendas que hai que reparar, levantar tabiques novos… Pero estamos esperanzados, porque as obras avanzan, e agardamos que nun mes ou dous poidan volver habitala”, di Xurxo, amigo de Sesé.

Conseguen cartos a través de actos coma o que organizaron para o próximo vernes, un concerto solidario e reivindicativo. “É unha forma de conseguir cartos, de condenar a violencia machista e de lembrar a Sesé”, di Irene, amiga da muller asasinada. “É moi terapéutico tanto para nós como para a familia, que queremos que se sinta arroupada, que saiba que non están sós. É unha maneira de loitar para que a violencia machista poida erradicarse”, asegura Xurxo. Os grupos actuarán de balde no concerto, para o que aínda quedan entradas á venda. O obxectivo dos amigos de Sesé é recadar uns 10.000 euros para a familia da muller.