Unha festa declarada de Interese Turístico de Galicia que se vai desenvolver entre o 14 e o 18 de xuño con actividades musicais, entre as que se inclúen as tradicionais verbenas e un concerto de música rock no que actuará o grupo La Fuga teloneado polos grupos locais Relámpago e RMS. Unha celebración que arrancará o mércores da vindeira semana co pregón a cargo do fotógrafo Carlos Alonso Maríntez “Fosca” e unha homenaxe a Margot Araujo, unha muller vinculada a cultura local en xeral e ao Corpus en particular que falecía meses atrás.

Un mércores no que terá lugar tamén o tradicional acto de relevo das Penlas e a elaboración das alfombras florais polas que ao día seguinte transcorrerá a procesión do Corpus a unha do mediodía e que previamente serán visitadas pro milleiros de persoas, que se achegarán a Redondela a admirar os tapices nos que están a traballar máis de 70 mulleres dende hai aproximadamente un mes.

Entre as novidades que inclúen no programa deste ano atopamos o concerto do grupo cántabro  La Fuga quen amenizará a noite do venres nunha actuación na que se subirán tamén ao escenario os grupos locais Relámpago e RMS. Unha cita musical o venres 16 ás 21:30 horas no Campo da Feira.

Como novidade desta edición salientaba a Concelleira de Cultura as visitas guiadas polo Casco urbano de Redondela que arrancarán o mércores e se prolongarán durante todo o verán de xeito diario ás 19:30 horas. Uns roteiros por terra que tamén co gallo das festas patronais tamén se densevolverán por mar, coas xa clásicas visitas guiadas á Illa de San Simón.