” Sonoaire ” novo festival para Redondela

Publicado: 22 Junio, 2017
Cultura, En portada, Música

Seis concertos, seis grupos e seis espazos diferentes é o que nos propón o festival Sonoaire que se celebra na tarde do vindeiro sábado en Redondela. Os artistas convidados a esta actividade organizada pola Concellería de Cultura son Caramuxo Vermello, Raúl & Cía., Soul & Roll, Denova, The Hendersons e RedOnBlack. As actuacións arrancarán ás 17:00 horas e o último dos concertos está previsto para as dez da noite.

O grupo redondelán Caramuxo Vermello será o primeiro en subirse ao escenario ás cinco da tarde na praza José Figueroa. O público deberá desprazarse unha hora despois a Casto Sampedro, onde actuarán os pontevedreses Raúl & Cía. As sete da tarde na praza de Ponteareas soarán os ourensáns Soul & Roll e a actuación de Denova, chegados dende Pontevedra, está previstas para as 20:00 horas na praza de Santiago.
Os vigueses The Hendersons e RedOnBlack serán os encargados de pechar a xornada. Os primeiros actuarán as nove na praza da Constitución e os segundos na praza da Casa da Torre as dez da noite.
“Grupos que farán vibrar aos asistentes a través de diversas propostas e unha gran variedade de estilos, orientados dende o público infantil ata a música disco, pasando polo pop, o rock, a rumba e o jazz” aseguran dende a organización.

Inicio