Os concertos volverán ser os grandes protagonistas dunha xornada que arrancará xa pola mañá cunha visita guiada pola Enseada e a Illa de San Simón. Inclúese no programa unha sesión vermú, actividades para nenos con xogos populares e inchables , unha “batalla de galos” ás seis da tarde e xa a partir das 22:00 horas os concertos con Gabri&Buyo, Cacikes, a Banda de Balbina e Supernatural.

O festival que organiza a Asociación Deportivo Cultural de Rande celebra este sábado a súa XI edición e faino con cambios no seu formato “queremos ampliar a idade do público que se achega a esta cita, pasar dun público que adoitaba oscilar entre os 18 e os 40 anos a un público familiar que abrangue dende os máis cativos ata os avós” explica dende a organización Alejandro Comesaña.

Con ese obxectivo, a programación arrancará xa no mediodía cunha visita guiada pola Enseada e a Illa de San Simón que partirá dende o Meirande e regresará a ese peirao dúas horas despois. Unha actividade que ten un custe de 9 euros adultos, 5 euros os nenos e na que se recomenda inscrición previa no teléfono 625735554 para reservar praza.

Xa no entorno do Museo, os que o desexen xantar polbo  ou churrasco e gozar cos máis pequenos dos xogos populares e os inchables que se instalarán no lugar para a ocasión.

A partir das seis da tarde os mellores rapeiros de Galicia participarán dunha “batalla de galos” e as dez arrancaran os concertos que este ano teñen como protagonistas aos grupos Gabri&Buyo, Los Cacikes, Supernatural e A Banda de Balbina.

O festival conta coa colaboración do Concello e a Deputación. Dende o organismo provincial Digna Rivas salientaba o traballo que están a facer dende hai anos dende a Asociación Cultural e Deportiva de Rande “gran impulsora do Centro de Interpretación da Batalla” e aplaudía as novidades desta edición “todos os grandes festivais están a adaptarse aos novos públicos, buscando atraer ás familias”.

En representación do Concello, Miguel Ángel Álvarez animaba aos veciños e foráneos a participar do programa do vindeiro sábado.

 

Fonte:Radio Redondela