O Galician Cinema & Food Festival promociona estes días en Nova York as últimas producións audiovisuais galegas e tamén a gastronomía. Nesta edición un dos protagonistas foi Santiago Formoso, un emigrante de Redondela que formou parte do equipo de fútbol do Cosmos de Nova York na época de Pelé.

Por terceiro ano consecutivo o Galician Cinema & Food Festival tenta levar unha mostra do mellor de Galicia ao público estadounidense. Durante tres días conxugan un programa de degustacións gastronómicas con proxeccións audiovisuais coma o documental ‘Cociñando na fin do mundo’, sobre a historia do Grupo Nove e a nova cociña galega. “Isto é unha maneira moi rápida de chegar… e transmitir o noso cine, cultura e gastronomía”, di o chef Iván Domínguez, membro do ‘grupo Nove.

O menú audiovisual complétase coas producións galegas premiadas no último ano e un documental sobre a historia de Santiago Formoso, un neno de Redondela que chegou a Nova York no anos 60 e que foi un recoñecido xogador de futbol nos Estados Unidos.
“Eu a lección que lle dou a calquera que veña a Nova York ou aos Estados Unidos é que primeiro soñe e que soñe alto”, di Formoso.

“No exterior temos 500.000 galegos, fillos, netos…, xa son cidadáns do mundo, norteamericanos, venezolanos, arxentinos, e iso dálle unha capacidade a Galicia inmensa”, Antonio Rodríguez Miranda, Secretario xeral de Emigración da Xunta de Galicia.

A programación organizada no Instituto Cervantes de Nova York co apoio da Xunta e das empresas participantes rematará hoxe coa proxección de ‘Esquece Monelos’, o documental gañador dos últimos premios Mestre Mateo.